Últimos preparativos para o belén de Bribes, en Cambre
Últimos preparativos para o belén de Bribes, en Cambre
É unha tradición que empezou hai xa máis de 20 anos
Xa está case todo listo na parroquia de Bribes, en Cambre, para que este domingo o seu tradicional belén vivente encha o lugar de espírito de Nadal. Organizado pola asociación de veciños O Cruceiro desde hai máis de 20 anos, a cita é un dos maiores atractivos da comarca cando se achegan estas datas.
Trátase dunha actividade xa consolidada que se desenvolve como unha das estampas de Nadal máis tradicionais de Cambre no espléndido entorno da eira do antigo mosteiro beneditino, onde os veciños se caracterizan e recrean, durante todo un día, os acontecementos máis significativos da natividade de Xesús.
O carteiro, os pastores, reis magos, as lavandeiras, os artesáns de todo tipo comparten espazo coa mula, cos cabalos ou coas pitas. Todo acompañado das principais delicias gastronómicas: filloas, orellas e cocido.
O belén vivente de Bribes, que se celebra o domingo día 15, está organizado pola Asociación O Cruceiro e patrocinado pola Fundación Venancio Salcines.