Un accidente con efecto dominó deixa un ferido e cinco coches afectados en Vilagarcía
Un accidente con efecto dominó deixa un ferido e cinco coches afectados en Vilagarcía
O condutor envorcou ao bater cun coche estacionado nun taller de reparación
O impacto acadou un poste da luz, que caeu sobre outros tres vehículos
Eran preto das dez da noite cando o condutor dun Peugeot envorcaba preto dun céntrico taller de Vilagarcía. O home saíu da vía e bateu contra o Mercedes negro que estaba aparcado no establecemento, xusto diante dun poste de formigón, que fendeu co impacto.
"A roda do Mercedes catapultou o Peugeot, que envorcou na estrada. O golpe fixo tamén que o Mercedes impactara co poste da luz que tiña detrás. O poste era de formigón e caeu sobre os demais vehículos que estaban aparcados ao lado", explica Julio José Otero, xerente do taller afectado.
O condutor saíu polo seu propio pé do coche. As feridas eran leves, pero a desfeita grande.
"Recibimos aviso do 112 e desprazamos unha unidade ao lugar xunto a policía local. Cando chegaron non foi necesario liberar o condutor xa que lograra saír polos seus propios medios", di Alén Pérez, membro do servizo de emerxencias de Vilagarcía.
"Eu penso que foi un descoido do condutor. Por algún motivo saíu da vía, a zona tampouco se presta moito a que sucedan estas cousas, seguro que foi un descoido", comenta o xerente do taller.
O poste foi substituído rapidamente por outro de madeira durante a noite. Malia que o accidente non causou cortes na luz, os cables impedían a entrada no taller, onde hoxe acudían os clientes dos coches afectados. É o caso de Sara, que non poderá ir ao traballo no seu coche.
"Avisáronme e estou vendo os danos. O poste caeu sobre varios coches, o meu é o último. Ten danos de chapa do teito e crocaduras. O peor é o trastorno, porque tiña que volver ao traballo", lamenta Sara.
Malia o trastorno, coinciden en que foi unha sorte que sucedera en domingo e non houbera unha desgraza. Entenden que os seguros se farán cargo da reparación e todo quedará nun mal comezo da semana.