Un accidente mortal volve abrir o debate sobre a seguridade do desvío pola derruba na A-6
Un accidente mortal volve abrir o debate sobre a seguridade do desvío pola derruba na A-6
A Xunta e transportistas demandan ao Goberno central unha alternativa viable e segura á actual pola N-VI
O accidente en que morreu esta fin de semana un camioneiro volve poñer a A-6 no punto de mira. O sinistro ocorreu na localidade leonesa da Veiga de Valcarce, no límite entre Galicia e Castela e León.
Bateron dous camións, que circulaban un de subida e outro de baixada, no treito da N-VI que se usa para aliviar o tráfico despois do corte da autovía pola derruba do viaduto do Castro.
Desde entón contabilizáronse neste treito varios accidentes. Este é o primeiro con vítimas mortais. "Iso é un desastre todo. Hai cantidade de camións nun sitio moi estreito. Ti sabes a circulación que hai por aquí?. Non sei como non hai máis accidentes, de verdade", di un dos transportistas que denunciando a perigosidade da vía polos atascos, o trazado e o estado do firme.
O accidente mortal desta fin de semana ocorreu preto de onde o pasado mes de maio bateran dous camións provocando retencións quilométricas e o bloqueo do acceso a Galicia por Pedrafita durante dúas horas.
Meses antes, case nese punto, outro accidente múltiple deixara pendurando dun noiro un tráiler, despois dunha colisión en que se viron implicados dous camións e un turismo.
Sinistros polos que a Xunta vén demandando do Goberno central unha alternativa viable e segura, que garanta o desvío do tráfico na A-6.