Un accidente múltiple en Lugo deixa dous feridos moi graves
Un accidente múltiple en Lugo deixa dous feridos moi graves
O sinistro ocorreu no corredor de Nadela e contou con catro vehículos implicados
Dúas persoas quedaron inconscientes dentro e tiveron que ser liberadas polos bombeiros
Dúas persoas quedaron feridas moi graves nun accidente con catro vehículos implicados rexistrado na tarde deste mércores no corredor de Nadela, dentro do termo municipal de Lugo.
Segundo trasladou o CIAE 112 Galicia, o sinistro produciuse ao redor das 16:50 horas no punto quilométrico 0,900 do corredor, onde un vehículo estilo pick up chocou de fronte contra outro coche.
O impacto provocou que outros dous vehículos tamén resultasen implicados no sinistro, que deixou cinco feridos de diversa consideración.
Os dous feridos de maior gravidade foron localizados inconscientes dentro dos seus vehículos e tiveron que ser liberados polos efectivos do corpo de bombeiros.
Ata a zona mobilizáronse efectivos de Urxencias Sanitarias 061, que procederon ao traslado ao HULA dos feridos. Ademais, tamén acudiron á zona axentes da Garda Civil, Policía Local, bombeiros e persoal do servizo de mantemento e conservación da estrada.
A central de emerxencias recibiu a alerta do accidente por varias vías, desde a chamada de testemuñas do accidente ao sistema ecall dun dos coches implicados, que ofreceu as coordenadas do lugar do accidente e, mesmo, permitiu aos xestores do 112 comunicarse co interior do vehículo.