Un acoitelado grave e unha palleira calcinada logo dunha agresión en Pol
Un acoitelado grave e unha palleira calcinada logo dunha agresión en Pol
A Garda Civil prendeu un exempregado da vítima como presunto agresor
Foron precisas tres horas para poder prender o detido, de 38 anos
Foi nunha vivenda do lugar do Albar, en Pol, onde se produciu o acoitelamento. O home ferido, duns 55 anos, permanece ingresado no hospital de Lugo, pero está fóra de perigo, e iso que recibiu dúas coiteladas no rostro.
O presunto agresor é un cidadán marroquí de 38 anos que ocupaba a parte lateral da vivenda e traballara na explotación ata hai poucos días. Agora está detido, pero para prendelo foi precisa a intervención de ata 18 efectivos da Garda Civil. Mentres tentaban atrapalo, foi quen de poñerlle lume a unha palleira, onde había máis de 100 rolos de herba seca. Unha queima que foi difícil de extinguir xa que se produciu ben entrada a noite.
Tamén arderon dous autocargadores e unha empacadora. Os familiares do ferido rexeitaron facer declaracións por temor a posibles represalias por parte do presunto agresor e do seu círculo. Ao parecer, o individuo levaba días pedindo cartos e ameazando a familia do ferido e negábase a abandonar a vivenda que lle cederan.
Como resultado do forcexo e acoitelamento, a porta da casa quedou cos cristais rotos. Malia o operativo despregado pola Garda Civil, os bombeiros puideron extinguir o lume sen problemas. Antes de ser detido, o presunto autor da agresión causou importantes danos na vivenda que a familia lle cedera.