Un can de raza perigosa ataca unha muller en Vilagarcía
Un can de raza perigosa ataca unha muller en Vilagarcía
O can non tiña chip identificativo e non levaba bozo
O propietario podería ser sancionado con ata 30.000 euros
Contra as tres da tarde de onte os gritos dunha muller alertaban a xente que pasaba polas inmediacións da rotonda do Ramal en Vilagarcía de Arousa.
Luciano Campos, testemuña do ataque, dixo que escoitou gritando auxilio que me matan. Nun primeiro momento pensou que era un atropelo pero despois xa viu que era un can atacando unha muller e ao seu cadelo. Asegura que a mordeu na man.
Un home que paseaba pola zona interveu e conseguiu controlar cun cinto o can de raza perigosa, un american stamfordshire terrier como o que ven nestas imaxes. O animal non levaba bozo.
Unha parella contábanos que a eles tamén lle aconteceu algo parecido hai un ano.
Santiago Tarrío contounos que hai un ano un can, tamén de raza perigosa, atacounos a el e á súa muller. Dixo que era tan forte que o tirou ao chan cando intentou protexer o seu can e que xa foi pola súa muller.
Encarna Ramos, díxonos que o can trabouna na man. Non entende como este tipo de cans de razas perigosas van pola rúa sen bozo e sen correa.
Ata o lugar desprazáronse varias patrullas da Policía Local e Protección Civil de Vilagarcía que foron os encargados de levar o can de raza perigosa á canceira municipal.
A muller, que estaba en estado de shock, foi trasladada nunha ambulancia ata o centro de saúde para tratarlle as feridas que tiña na man. O cadelo presentaba feridas internas de gravidade.
A Policía Local de Vilagarcía abriu unha investigación para intentar dar co propietario do can. Coa Lei de benestar animal de Galicia na man pode enfrontarse a unha multa de entre 5.000 e 30.000 euros.