Un cento de presos de toda España rematan a súa peregrinación a Santiago
Un cento de presos de toda España rematan a súa peregrinación a Santiago
Percorreron distintas rutas xacobeas na compaña de funcionarios e voluntariado
Este sábado asistiron á misa do peregrino na Catedral e a un xantar de celebración
A terceira peregrinación conxunta dos cárceres españois reúne hoxe en Compostela a máis dun cento de reclusos e funcionarios de 14 prisións.
"Viñemos facer este camiño con 7 internos, moi ilusionados, os internos moi contentos. Fixemos unhas xornadas de convivencia moi bonitas. O único pero, por poñer algún, o tempo, que choveu moito".
Chegados desde O Pereiro de Aguiar, en Ourense, ou de lugares máis afastados como Córdoba ou Alxeciras, percorreron distintos camiños. Para os que o fan por primeira vez, din que é inesquecible.
"A min quédanme 4 anos e algo, pero esta experiencia fixo que me sentise moi libre, foi unha experiencia única, inesquecible".
"É especial a relación e o vínculo que se xera entre os internos e os funcionarios. Son experiencias marabillosas, para eles e para nós".
"Para min é o quinto Camiño e estou encantado de acompañar este grupo de xente que tamén merece ter a oportunidade de gozar do Camiño de Santiago".
"Foi unha experiencia moi enriquecedora, aínda que xa fixeramos o Camiño noutra ocasión e, desde logo é para repetir".
Esta peregrinación está organizada polo departamento de pastoral penitenciaria.
"Fíxeno os tres anos e, do primeiro ano, eses mozos están traballando, coa súa familia, e o camiño foi unha experiencia que os marcou no seu proceso de reinserción. A arte, a natureza, a acollida das persoas, sentírense integrados, queridos, axudounos moito".
Asistiron á misa do peregrino na Catedral e logo compartiron un xantar de celebración en San Martiño Pinario.