Un colexio de Lugo destina á loita contra o cancro os 4.000 euros recadados na súa carreira solidaria
Un colexio de Lugo destina á loita contra o cancro os 4.000 euros recadados na súa carreira solidaria
Un colexio de Lugo destina á loita contra o cancro os 4.000 euros recadados na súa carreira solidaria
O CRP Cervantes entregoulles un cheque simbólico a Somos e a Proxecto Zebraglio
Cun cheque simbólico, o colexio plurilingüe Cervantes de Lugo fixo entrega de preto de 4.000 euros para varios proxectos solidarios da cidade. Trátase dos fondos recadados na súa carreira popular, que a partir deste ano levará por nome Memorial Profe Alberto.
O profesor Gonzalo Castro sinalou que levan once anos celebrándoa, e este último ano decidiron que a recadación fose destinada á investigación sobre o tumor cerebral debido ao falecemento dun dos seus compañeiros, que ademais era un dos impulsores da carreira.
Pola súa parte, Carlos Montero, un dos organizadores, suliñou que bateron de novo o récord de asistencia, con case 700 participantes.
"A xente está moi involucrada con esta carreira e ten ganas de facer deporte. E, por riba, logramos o obxectivo, que era recadar os fondos para estes proxectos tan importantes".
Os proxectos beneficiarios son a asociación Somos, dedicada a axudar os enfermos de cancro, e mais Zebraglio, un proxecto de investigación do hospital Lucus Augusti que ten por fin buscar solucións para o glioblastoma, o tumor cerebral maligno máis común e agresivo.
Fondos para investigar un tratamento
O neurocirurxián do HULA Pedro Reimonde explicou que na actualidade non hai un tratamento efectivo e que a supervivencia media unha vez operado o paciente é duns dezaseis meses.
Tras dúas edicións transcorridas de forma virtual, para o ano vindeiro prevese recuperar a celebración presencial desta carreira solidaria.