Un concurso busca a mellor maridaxe para o aceite de oliva feito en Galicia
Un concurso busca a mellor maridaxe para o aceite de oliva feito en Galicia
A firma ourensá Aceites Abril promove este certame, que busca apoiar os talentos novos da gastronomía
Buscar a maridaxe perfecta entre os alimentos de calidade e o aceite de oliva virxe feito en Galicia. É o desafío ao que se van enfrontar dezaseis escolas de hostalería do centro e do noroeste peninsular. A firma ourensá Aceites Abril promove este concurso que vai pola terceira edición e que busca apoiar os xoves talentos da gastronomía.
Desde Ourense, Aceites Abril posiciónase hoxe como o cuarto fabricante de aceites en España, con máis de 70 millóns de litros envasados. Deses, uns 5.000 litros, unhas 9.000 botellas, son do aceite Colleita Propia, unha variedade de oliva galega que cultivan aquí uns 100 produtores, e que practicamente se destina a restaurantes e tendas gourmet.
"É herbáceo, pero no gusto é moi doce, que é unha peculiaridade diferente, porque normalmente os aceites do sur da península son moi picantes", di Elena Pérez Canal, a directora de Márketing de Aceites Abril.
Hoxe, nesta demostración, o Colleita Propia, o galego, maridarano cun tartar de peituga de paspallás. Para maridar co mexillón, o chef escolleu o picual.
"Se escolles unha picual buscas ese toque forte da picante. Se queres que sexa moi aromático pois vas a un arbequina. E a min a variedade brava galega encántame", explicou Iñaki Bretal, responsable dos restaurantes Eirado da Leña e Punta Moa.
Iñaki Bretal é un dos membros do xurado desta terceira edición de Talentos Abril, un concurso co oliva virxe extra como protagonista. Busca os mellores cociñeiros e os mellores pratos entre 16 escolas de hostalería de seis comunidades autónomas, do norte e noroeste da península. Este ano incorpórase Madrid. O premio para o gañador é unha bolsa na Escola Superior de Hostalería de Galicia.