Colide contra dous vehículos estacionados en Ribadumia e escapa do lugar
Colide contra dous vehículos estacionados en Ribadumia e escapa do lugar
O propietario do vehículo accidentado saíu ileso do accidente
A Garda Civil xa identificou e denunciou o dono do coche sinistrado
Hoxe a beiravía da estrada da parroquia de Sisán, en Ribadumia, está baleira de coches, pero ás seis da tarde de onte a estampa era outra. Un Seat Ibiza verde colidía con dous vehículos aparcados na beiravía, causándolles importantes danos. Ninguén sabe como foi o accidente, que é bastante inexplicable por tratarse dunha estrada recta.
Na casa onde se produciu o accidente celebraban o 90 aniversario da súa propietaria. Fillas, netos e veciños remataban o xantar cando escoitaron un forte estrondo. Ao saír da vivenda observaron o accidente de tráfico e os seus coches con diversos danos.
O condutor do Seat Ibiza, causante do accidente, saíu ileso do forte golpe. Atopábase moi nervioso e mesmo a emprendeu a golpes co seu vehículo, pero xusto antes da chegada da Garda Civil de Tráfico, desapareceu do lugar do sinistro.
Onte pola tarde a Garda Civil xa identificara ao condutor e xa foi denunciado. Por sorte, o accidente quedou só en danos materiais e non houbo que lamentar feridos.