Un condutor temerario circula 20 quilómetros en sentido contrario pola A-52 en Ourense
Un condutor temerario circula 20 quilómetros en sentido contrario pola A-52 en Ourense
Provocou a saída da estrada dun condutor e que outro tivese que manobrar para esquivalo
Outro condutor foi detido horas despois en San Cibrao das Viñas tras non respectar a liña continua e triplicar a taxa de alcol
A Garda Civil investiga por dous delitos contra a seguridade viaria o condutor que circulou uns 20 quilómetros en sentido contrario pola A-52 en Ourense. Ademais do sobresalto para moitos condutores, provocou a saída da calzada dun deles, e outro tivo que manobrar para evitar a colisión.
"As primeiras chamadas chegan a través do 112 e a través da nosa central de Tráfico hai distintos usuarios que refiren un vehículo circulando en sentido contrario, e fálannos da altura do túnel de Alongos, á altura do seminario. Estamos falando dunha franxa de vinte quilómetros, un vehículo circulando en sentido Benavente polos carrís destinados ao sentido Vigo", explicou Javier Barja, xefe do subsector de tráfico da Garda Civil de Ourense.
Todo aconteceu contra as dúas da madrugada do domingo e, malia os esforzos dos axentes, non foi posible localizar o condutor temerario.
Deteñen un condutor por non respectar unha liña continua e triplicar a taxa de alcol
Paralelamente a Garda Civil facía un control rutineiro en San Cibrao na nacional 525. Alí pararon un condutor que non respectara a liña continua e multiplicaba por tres a taxa de alcolemia.
A medida que pasaban as horas, a Garda civil comezaba a recibir as primeiras denuncias. Foi o testemuño de varios condutores o que achegou detalles moi significativos do vehículo, e iso axudou á súa identificación horas despois.
O detido é un veciño de Padrenda, de 53 anos. Ía con outra persoa no asento do copiloto no momento dos feitos. Impútaselle un delito de condución con temeridade manifesta e outro de conducir baixo os efectos do alcol e a medicación.