Un detido en Vigo pola súa presunta relacion cunha vaga de roubos en Valencia
Un detido en Vigo pola súa presunta relacion cunha vaga de roubos en Valencia
Os axentes pararon un vehículo porque a matrícula coincidía cunha busca e captura
A vaga de roubos de xoias e cartos levouse a cabo en vivendas na zona do Levante
Á primeira hora da tarde en pleno centro de Vigo varias patrullas da Policía Local e da Policía Nacional deron o alto a un vehículo en que viaxaban un home e dúas mulleres. Os axentes procederon primeiro ao rexistro do coche. Unha inspección moi exhaustiva e en presenza do condutor, a quen despois cachearon.
Tamén o fixeron coas dúas mulleres que o acompañaban no interior do portal dun edificio próximo. A situación causou grande expectación entre veciños e peóns, que non sabían que estaba a acontecer.
A operación policial prolongouse na Gran Vía viguesa durante unha hora, xa que a comunicación cos tres ocupantes do vehículo, de nacionalidade croata, non foi doada.
Os axentes detivéronos ao comprobar que a matrícula do coche en que viaxaban coincidía cunha busca e captura relacionada coa autoría dunha vaga de roubos de xoias e de diñeiro en diferentes vivendas na zona do Levante.
No rexistro do coche os axentes non atoparon as ferramentas que, supostamente, empregarían para cometer estes roubos. Porén, a policía confirmou que viaxaban con documentación falsa e investiga se preparaban outros asaltos en Galicia. Finalmente procederon á detención do condutor, de 21 anos. As dúas mulleres que o acompañaban, de dezaoito anos, quedaron en liberdade.