Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un empregado de Adif fixo descarrilar o tren de Madrid para evitar danos maiores

Un empregado de Adif fixo descarrilar o tren de Madrid para evitar danos maiores

O ministro de Transportes asegura que o fixo "para evitar un risco para as persoas e para outros trens"

Adif e Renfe remiten á investigación aberta
 

 

Arquivo / Carlos Luján / Europa Press
G24.gal 22/10/2024 12:55 Última actualización 22/10/2024 13:21

Un empregado de Adif foi quen tomou a decisión de descarrilar o tren que quedou envorcado esta fin de semana no túnel de Chamartín-Atocha causando un caos ferroviario en Madrid para evitar así maiores danos.

Así o explicou o ministro de Transportes, Óscar Puente, en declaracións á prensa na inauguración da Feira Internacional do Autobús e o Autocar (FIAA). Puente pediu que se respecte a investigación en marcha para determinar as causas do sinistro.

Segundo o seu relato, o tren estaba sendo remolcado e "nun momento determinado, por razóns que eu non podo expoñer e que se esclarecerán no informe", soltouse e iniciou un percorrido "nunha especie de caída libre" polo túnel da estación madrileña de Chamartín.

A continuación, e sempre segundo relatou Puente, un traballador do centro de control de Adif tomou "a decisión de desvialo a unha das vías para provocar o seu descarrilamento ou evitando que entrara na zona de Atocha, onde eventualmente podía chocar con algún tren que viñese".

O ministro di que "non está determinado" ou polo menos el "descoñece", que houbese ningún tren nese momento co que puidese chocar, aínda que na súa opinión é "evidente" que se o tren continuase na súa traxectoria podería alcanzar a praia de vías e alí impactar contra algún tren que puidese vir nese momento.

"O certo é que a decisión dese traballador evita calquera risco para as persoas e para outros trens que puidese haber na contorna de Atocha", concluíu Puente.

Adif e Renfe tamén se remiten á investigación

Desde o xestor da infraestrutura ferroviaria (Adif) e desde Renfe remitiron á investigación aberta e non quixeron pronunciarse sobre os audios de WhatsApp difundidos por Vozpopuli, entre outros medios.

Neles, supostamente un traballador do centro de control de Adif en Madrid dá conta da gravidade que podería implicar o citado descarrilamento, en liña co relatado por Puente.

O túnel no que ocorreu o descarrilamento do tren é o que une as estacións de Atocha e a de Chamartín, con 7,3 quilómetros de lonxitude. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade