Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un estradense constrúe unha palloza na parroquia de Codeseda

Un estradense constrúe unha palloza na parroquia de Codeseda

A súa ilusión é ter unha vivenda típica da montaña luguesa na súa terra

Imaxe da palloza de Currelos, na parroquia estradense de Codeseda, este xoves cando quedaba pouco para rematar a obra
G24.gal 05/10/2023 14:36

"Sempre me gustaron as pallozas, desde que as coñecín e tiven a ilusión dun día poder ter unha aquí, e digo: ou fágoa agora ou xa non a fago", afirma Rafael Castrillo.

Ese aquí chámase Currelos e o enclave da construción é unha carballeira da parroquia estradense de Codeseda, que Rafa herdou da súa nai. Preguntámoslle polo uso futuro e os cartos que investiu. "Máis ou menos custou 35.000 euros. Quedei sen cartos. Vai ser para desfrute meu e dos amigos e o que sexa, e logo estará aberta para visitas, excursións, quen queira", conta Rafael 

Está a piques de completar a obra. Estes días anda coa cuberta, que Rafa encargou a profesionais de Piornedo, onde aínda queda quen sabe abondo da vivenda tradicional da montaña luguesa. Sen perspectivas de relevo xeracional, seguen as técnicas tradicionais con adaptación ás esixencias dos novos tempos. A palla, por exemplo, teñen que ir mercala a Castela.

"O peor é a palla, pola perda de calidade debido a que antes sementaban o centeo en zonas máis bravas e o cambio climático tamén prexudica. Non hai moito relevo. É un traballo duro e non temos moito quen o siga para o futuro", explica Roberto López González, integrante de Construciones Piornedo.

Eles fan a malla manualmente para que a palla conserve a espiga enteira e afiance a suxeición da cuberta, que prevén dure sen ningunha pingueira máis de trinta anos. O remate do teito chegará co paso definitivo do afumado interior cunha dobre función: Protexer madeira e palla coa pátina de fume e preparar unha churrascada coa brasa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade