Un estudo reduce a 4.000 os pasos diarios que achegan beneficios á saúde
Un estudo reduce a 4.000 os pasos diarios que achegan beneficios á saúde
A partir de aí, cantos máis pasos, ata 20.000, seguen mellorando o estado cardiovascular
Un estudo en que participaron máis de 200.000 persoas en ata 17 países asegura que dende menos de 4.000 pasos ao día xa se perciben eses beneficios e redúcese o risco de morrer por calquera causa.
Mesmo con pouco máis de 2.000 pasos ao día redúcese o risco de morte por enfermidades cardiovasculares. Iso supón 1 quilómetro e medio por día. Por suposto ata os 20.000 pasos, uns 15 quilómetros ao día os beneficios aumentan de xeito considerable e continúan reducíndose os riscos para a nosa saúde.
O estudo publicado na revista europea de cardioloxía preventiva confirma que canto máis se camiña, maiores son os beneficios para a saúde. Esas vantaxes son múltiples e variadas.
O aumento de 1.000 pasos diarios sobre esa cifra de case 4.000 asóciase, segundo este estudo, a unha redución de ata un 15 % do risco de morrer por calquera causa tamén das relacionadas co corazón e a circulación sanguínea.
O máis importante, din os expertos, é a regularidade, cada un ata onde chegue e sen forzar. Loitar contra o sedentarismo día a día co horizonte dos 20.000 pasos para coidar o mellor posible da nosa saúde, fundamentalmente a cardiovascular.