Un financiamento autonómico á carta?, por María Cadaval
OPINIÓN
Un financiamento autonómico á carta?, por María Cadaval
O sistema de financiamento territorial en España revela unha serie de problemas que requiren dunha revisión estrutural. Estas dificultades céntranse na complexidade e falta de transparencia do modelo actual, a disparidade na distribución de recursos entre as distintas comunidades autónomas e a ausencia de responsabilidade fiscal, especialmente no caso das comunidades autónomas de réxime común. Ademais, a falta dun criterio claro no deseño de repartimento e nivelación contribúe a desigualdades notables entre as rexións, tanto en termos de financiamento per cápita axustado como na autonomía de ingresos para as comunidades autónomas de réxime común.
Un dos problemas máis críticos radica na distribución de transferencias verticais dende o Estado cara ás comunidades autónomas, en que a falta de lóxica e a rixidez das cláusulas condicionan negativamente a adaptabilidade do sistema. Isto tradúcese en disparidades substanciais de ata cen puntos porcentuais entre as rexións mellor e peor financiadas, excluídas as comunidades forais, segundo a Fundación de Estudos de Economía Aplicada (FEDEA).
Perante estes desafíos, hai propostas que avogan por avanzar cara a un modelo máis claro e transparente que garanta unha distribución equitativa de recursos e promova a responsabilidade fiscal. A reforma suxerida estrutúrase en fases, comezando coa creación dun fondo complementario de nivelación financiado polo Estado para corrixir as disparidades máis evidentes. A continuación cómpre atender aspectos técnicos para mellorar a equidade do sistema e sentar as bases para a plena responsabilidade fiscal das comunidades autónomas. Isto incluiría a reformulación do sistema de retencións e entregas a conta, así como o establecemento de mecanismos explícitos para a revisión das escalas de referencia utilizadas no cálculo da recadación normativa dos tributos cedidos.
Destácase a importancia de acadar un consenso político amplo nestas reformas, involucrando os partidos nacionais e as comunidades autónomas. Sen embargo, advírtese sobre o risco dunha deriva cara a un sistema de financiamento á carta que podería afectar á redistribución rexional e comprometer a cohesión social e territorial.
É preciso avanzar mediante un pacto político no tamaño da “torta” asignado ao sistema de financiamento territorial, e tamén no grao de nivelación necesario capaz de garantir a cohesión do país. Isto só será posible a través dunha reforma integral que, de xeito gradual, aborde os problemas dos que adoece o sistema de financiamento autonómico, sen necesidade de inventar ningún novo.