Quince vacas dunha explotación de Guitiriz sufren un gromo da enfermidade hemorráxica
Quince vacas dunha explotación de Guitiriz sufren un gromo da enfermidade hemorráxica
As reses recuperáronse logo dun tratamento con antibiótico e antiinflamatorio
A transmisión é a través dun mosquito que no outono, polas baixas temperaturas, desaparece
As vacas de Daniel Otero presentaban mucosidade e o fociño vermello, síntomas que acompañan a enfermidade hemorráxica epizoótica, polo que o gandeiro desde o primeiro momento xa sospeitou que os seus animais poderían estar afectados por este virus.
O gandeiro indica que "as vacas tiñan o fociño e andaban un pouco trabadas das patas de atrás, e nós, como xa tiñamos amigos en Castela que sufriran a enfermidade no verán xa soubemos que era esa enfermidade. Nós, as primeiras vacas foi no día 12 de outubro, a primeira vaca, e chamamos o veterinario e veu e xa a diagnosticou con EHE, e logo xa cada día saía unha ou dúas".
Quince foron as vacas afectadas por este virus, dunha cabana formada por case un cento de exemplares da raza blonda de Aquitana. Foron tratadas cun antiinflamatorio transdérmico e un antibiótico de longa duración, que axudou a que as vacas superasen este virus.
A transmisión é a través dun mosquito, polo que é complicado previr o contaxio. Coa chuvia e a baixada de temperaturas, desaparece, pero o risco pode volver na primavera.
Daniel Otero manifesta que "falan de que vai haber unha axuda para as que morren, pero eu creo que mellor solución era que sacaran unha vacina con multiserotipos porque isto se non na primavera vai ser unha bomba".
O tratamento que Daniel aplicou ás súas vacas deu resultado. Supuxo un gasto próximo aos mil euros. A maiores, a enfermidade provocou abortos noutras tres reses. En total, xa hai constancia de gromos en 18 comarcas galegas.