Un gandeiro de Petín recrea a vendima tradicional con dúas parellas de bois
Un gandeiro de Petín recrea a vendima tradicional con dúas parellas de bois
Recrean como se facía a vendima hai 30-40 anos no val de Valdeorras, con cestos de madeira e cos bois carrexando as uvas ata as adegas
A adega Terriña de Petín inclúe esta actividade para que os visitantes poidan coñecer os traballos da vendima cando non había maquinaria
Dúas parellas de bois dun gandeiro de Petín e os seus dous carros son os protagonistas da vendima máis tradicional na comarca de Valdeorras. Era o xeito en que se transportaban as uvas ata as adegas antes dos tractores. E agora recrean estes traballos para que os visitantes dunha adega coñezan como era ese labor sen máquinas.
O ceo ameazaba con chuvia, pero respectou a vendima máis tradicional, tal como se facía antano no val de Valdeorras. Recollen a uva en cestos de madeira, algúns pesan máis de 40 quilos, e van cargando os carros dos bois.
Antes dos tractores e os remolques, este era o medio de transporte máis habitual nesta zona.
"Aquí no val de Valdeorras hai 30 ou 40 anos hai quen o facía así, con bois e con carros de cabalos", di Mario Nogueira, o gandeiro propietario dos bois. "Agora todo é maquinaria, tractores e está ben, para que o coñeza a xente máis nova", di a gandeira Cristina Gómez.
E coa carga lista, as parellas de bois das razas barrosá e cachena carrexan as uvas desde o viñedo de Petín ata a adega Terriña. Unha viaxe tradicional pasada por auga.
"Nós temos unha viña e vendémoslle as uvas á adega Terriña e e como me dedico a isto dos bois, para que non se perda a tradición, pois representamos todos os anos un pouco o que é a vendima tradicional, como se facía antes", explica Mario Nogueira.
"É algo que queremos manter, e nós todo o que poidamos facer para dar a coñecer cousas diferentes e manter esas tradicións, pois encantados de facelo", asegura o xerente de Adegas Terriña de Perín, Juan Luís Méndez Rojo.
Os asistentes a unha formación do Instituto Galego do Viño tiveron a oportunidade de ver os bois e coñecer como era a vendima antigamente en Valdeorras.