Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os Reis Magos percorrerán Petín en carros tirados por bois

Os Reis Magos percorrerán Petín en carros tirados por bois

Irán en tres carros típicos dos Picos de Europa e de varias zonas entre Salamanca, Zamora e León

G24.gal 04/01/2023 21:28 Última actualización 04/01/2023 22:07

En Valdeorras hai un concello no que os Reis Magos percorrerán as rúas en carros tirados por bois. Na súa primeira visita a Petín deste xeito foron toda unha sensación, agora ultiman os detalles para que todo estea listo en apenas unhas horas.

En Petín xa case todo está listo para a cabalgata de mañá. Aquí as súas maxestades chegan en transporte especial: uns carros tirados polos bois que cría Mario na súa granxa e que aquí moitos coñecen. 

"É unha satisfacción para todas as xeracións, á xente de antes gústalle moito ver os bois porque lle trae recordos e non é o habitual, e calquera cousa na que participen pois chámalle a atención, e os rapaces tamén", explica Mario Nogueira, propietario dos bois.

E unha cabalgata coma esta ten que ter un transporte a altura. Os Reis magos van percorrer Petín subidos en tres carros procedentes de distintos puntos de España: un chega dos Picos de Europa, do lugar onde nace o río Cares, e os outros son típicos de varias zonas entre Salamanca, Zamora e León. Irán perfectamente adornados e con todas as comodidades que precisan as súas maxestades.

Os bois saíron por vez primeira na cabalgata no 2019, e foi unha sorpresa para todos os asistentes.

"Este ano aínda o anunciamos un pouco, pero o primeiro ano que non o anunciamos nada e só era para a xente de Petín, empezou a aparecer xente cos móbiles, a xente empezouse a chamar e en cuestión de media hora aquelo foi un alboroto", lembra Amancio Díaz, organizador da cabalgata.

Así que xa só lles queda acicalar un pouquiño os bois e comprobar que todo estea a punto.

"É un transporte moi fiable, algo lento pero fiable e ecolóxico", apunta Mario.

Agardan que mañá grandes e pequenos se animen a achegarse a Petín, porque cabalgatas hai moitas pero coma esta de seguro non demasiadas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar