Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un grupo de persoas toma o reitorado da USC para esixir propostas a prol de Palestina

Un grupo de persoas toma o reitorado da USC para esixir propostas a prol de Palestina

Boicotearon o Consello de Goberno por segunda vez nun par de semanas

A USC non contempla un desaloxo policial e ten como obxectivo acadar unha solución pacífica 

G24.gal 10/06/2024 21:32 Última actualización 10/06/2024 22:14

Varias ducias de persoas coas caras tapadas accederon ao reitorado da Universidade de Santiago para boicotear outro Consello de Goberno. É a segunda vez que membros da Asemblea Internacionalista do Estudantado e da Clase Traballadora interrompen a reunión do executivo académico en varias semanas.

Esíxenlle que rompa as relacións con Israel e que teña en conta unha listaxe de 17 propostas que buscan, segundo din, defender o xenocidio do pobo palestino.  

Desta volta entraron por unha ventá do edificio pola forza impedindo continuar coa orde do día do Consello de Goberno. Contra as nove da noite continuaban dentro do reitorado co apoio de varias ducias de rapaces no exterior.

O voceiro da Asemblea Internacionalista do Estudantado asegura que son "actos totalmente pacíficos que só teñen como obxectivo a xustiza social".

Polo momento non se contempla un desaloxo por parte da policía e, como indican desde a USC, o obxectivo é acadar unha solución pacífica e con diálogo.

O reitor compostelán, Antonio López, explicou que o documento de 17 puntos que presentaron foi repartido no Consello do Goberno. Tendo en conta esas propostas e outras a maiores, o órgano da universidade tomou a decisión, por unha ampla maioría, de ratificar as manifestacións do equipo de goberno elaboradas o día 22 de maio.

Antonio López sinalou que, ademais, este luns o consello de Goberno aprobou unha comisión específica para garantir o cumprimento de accións en prol do pobo palestino pero que, ao parecer, non cumpriu as exixencias dos encapuchados. 

"A comisión específica aprobada inclúe axudas a refuxiados, entre outras, e colaboracións coas universidades gazatís. Niso traballaremos no futuro porque é o que  temos que facer como institución e só queda o camiño de avanzar cara a eses dereitos", explicaba Antonio López, reitor da Universidade de Santiago. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade