Publicador de contidos
Publicador de contidos

Mata os seus dous netos cos que se atrincheirara nunha vivenda en Granada e despois suicídase

Mata os seus dous netos cos que se atrincheirara nunha vivenda en Granada e despois suicídase

Tras unha discusión co seu xenro, o home meteuse na vivenda cos nenos e unha escopeta

Durante a madrugada a Garda Civil tratou de negociar con el, pero cortou a comunicación porque dixo que tiña que preparar os netos para ir ao colexio, e cando iso finalmente non ocorreu os axentes entraron no domicilio e atopáronos mortos

A nai e a avoa dos menores faleceran hai dous meses nun accidente de coche que conducía o seu avó e no que tamén viaxaban os nenos

G24.gal 20/05/2024 08:58 Última actualización 20/05/2024 14:32

Un home de 72 anos matou os seus dous netos, de 10 e 12 anos, cos que permanecía atrincheirado cunha arma de fogo desde a noite deste domingo nunha vivenda de Huétor Tájar (Granada), e posteriormente suicidouse.

Cando os axentes da Garda Civil accederon esta mañá á vivenda, atoparon os tres corpos sen vidaA falta do resultado da autopsia, que determinará as causas e hora exacta da morte dos menores, os investigadores traballan coa hipótese de que o home se suicidou horas despois de matar os seus netos.

Porén, algunhas fontes apuntan a que un dos pequenos morreu por asfixia e o outro a causa dun disparo, mentres que o avó tamén se matou coa arma. As mesmas fontes sinalan a que o suceso se produciu tras unha discusión entre o home e o seu xenro.

Foi sobre as 21:40 horas deste domingo cando se produciu a alerta de que o home, cunha arma de fogo e en actitude ameazadora cara a dous familiares seus, se atrincheirou nunha vivenda da rúa Alfred Nobel do municipio. A arma era, en concreto, unha escopeta do calibre 12, coa que realizou disparos ao aire desde a ventá do domicilio.

Negociación de madrugada

Durante os labores de mediación que tiveron lugar de madrugada, o avó trasladara aos axentes que cesaba a conversación porque debía preparar os seus netos para que acudisen a esa hora aos seus centros educativos.

Segundo explicou aos xornalistas o delegado do Goberno en Andalucía, Pedro Fernández, ao ver que á hora indicada non había movementos e que os menores non saían da vivenda, que é o domicilio do avó, decidiron intervir, momento no que se produciu o suicido do home coa escopeta de caza que portou "en todo momento" e para a que tiña licenza.

Nese momento, os axentes atoparon en dous cuartos distintos os corpos sen vida dos menores: un con feridas de arma de fogo e o outro sen ningún tipo de feridas, segundo o delegado, que sinalou que será a autopsia a que determine as causas e horas exactas dos falecementos, aínda que fontes da Garda Civil indicaron que os investigadores traballan coa hipótese de que se produciron horas antes do achado.

Discusión co xenro e atrincheiramento na vivenda

Todo comezou, relatou, a tarde de onte domingo no domicilio do home atrincheirado, cando os veciños observaron unha discusión deste co seu xenro e pai dos menores, que tamén se achaban na vivenda. O home exhibiu unha arma e o seu xenro abandonou o domicilio, e os veciños, alertaron ao 112, que avisou á Garda Civil.

Ata alí desprazáronse os axentes acompañados dun mediador que estivo en contacto co avó "de maneira case permanente para negociar a solución ao conflito", segundo o delegado, que precisou que o home portou en todo momento unha escopeta de caza coa que chegou a facer dous disparos ao aire desde a xanela cando chegaron os gardas civís para advertir de que estaba armado.

Espera e entrada na vivenda

A Garda Civil activou o protocolo e ata alí desprazouse dende Madrid a Unidade Especial de Intervención xunto a outro negociador que tomou a substitución do anterior e que estivo a negociar "pacificamente" con el ata as 5:00 horas, momento no que o home sinalou que deixaba de falar porque nun intre tiña que preparar aos menores para o colexio e o instituto.

Os axentes confiaron e mantivéronse á espera con vixilancia permanente e o uso de "todos os medios tecnolóxicos ao alcance" para ver e escoitar o que puidese ocorrer no interior da casa, á que accederon finalmente cando a partir das 8:00 horas non se produciu a saída dos menores.

Foi nese momento, ás 8:25, cando, ao entrar á vivenda, o home suicidouse coa escopeta e os axentes atoparon os menores sen vida.

Falecemento da avoa e da nai dos nenos nun accidente

Segundo indicaron fontes da investigación, a muller e a filla do presunto homicida faleceron o pasado mes de marzo nun accidente de tráfico en Loja (Granada) como consecuencia da colisión contra un muro dun vehículo que era conducido polo home atrincheirado. No coche viaxaban tamén, ao parecer, os seus netos, que quedaron feridos.

Poren, segundo o delegado do Goberno, ese suceso previo "non é determinante para a investigación destes feitos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade