Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un home morre no incendio da súa casa no concello das Neves

Un home morre no incendio da súa casa no concello das Neves

A muller do falecido foi trasladada á UCI e os dous fillos recupéranse no hospital

G24.gal 11/12/2021 10:19 Última actualización 23:00

O incendio aconteceu pouco antes das oito da mañá, na rúa Entrefíns no centro do municipio das Neves. Na vivenda vivía unha parella cos seus dous fillos. Cando acudiu a Garda Civil á chamada dun veciño, a nai e os cativos estaban no balcón.

Os axentes subiron ao teito do seu vehículo para rescatalos mentres outro entraba na vivenda para tratar de sacar o pai. O home estaba xa inconsciente no chan da cociña e os servizos de urxencia non conseguiron reanimalo.

O resto da familia foi trasladada ao hospital e a muller ingresou na UCI. Un axente tamén tivo que recibir asistencia sanitaria por inhalación de fume.  

A información que temos é que os dous nenos están relativamente ben, están no hospital e a muller está na UCI, sendo atendida debidamente. Descoñecemos o estado concreto da súa situación. 

Desde o concello púxose unha vivenda a disposición da familia, de orixe marroquí e que levaba menos dun ano vivindo nesta. O alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, quixo poñer o foco nas condicións en que residen moitos migrantes, máis expostos a situacións de risco.

"Creo que debemos reflexionar sobre como ofrecemos lugares para habitar dentro desta sociedade. Creo que iso si é importante. Non só falar da situación que describimos desafortunadamente co falecemento dunha persoa, senón afondar nas causas que nos levan como sociedade a que estas cousas se repitan en grupos sociais que non teñen unhas condicións de vida ordinarias."

Polo de agora descoñécense as orixes do incendio. Un equipo técnico especializado fará unha inspección para determinar como se produciu o lume. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade