Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cinco mortas por violencia machista en 48 horas

Vista xeral do edificio onde un home de 33 anos matou cunha escopeta a súa muller, de 36, e posteriormente se suicidou nunha vivenda situada fronte á praia do Postiguet de Alacant (EFE / Morell)
G24.gal 15/07/2024 08:51 Última actualización 15/07/2024 11:13

Un home, de 33 anos, matou cunha escopeta a súa muller, de 36, e posteriormente suicidouse nunha vivenda situada fronte á praia do Postiguet de Alacant, nun feito que a Policía Nacional investiga como un caso de violencia machista.

A Policía informou de que o crime ocorreu no número 50 da rúa Mare de Déu del Socors, no barrio do Raval Roig, e de que se descubriu por mor dunha chamada recibida onte á noite arredor das 23 horas. Ao entraren ao domicilio, os axentes atoparon os dous corpos sen vida, o da muller asasinada presuntamente con escopeta por parte da súa parella.

A vítima é unha muller rusa de 36 anos e o presunto autor do crime é un español de 33, e segundo as fontes da investigación consultadas por EFE non constaban denuncias previas nin estaban dentro do sistema Viogen.

A Policía investiga as circunstancias das mortes como un caso de violencia machista e trata de aclarar cando se cometeu o crime, xa que puido ser tempo antes de descubrirse os feitos.

Os restos mortais xa foron trasladados ao Instituto de Medicina Legal de Alacant para practicar nas próximas horas un exame forense que poida lanzar luz sobre este suposto crime machista.

A autopsia confirma a natureza violenta da morte da muller asasinada en Madrid

A autopsia preliminar confirmou a natureza violenta da morte da muller de 29 anos asasinada supostamente pola súa parella, que xa foi detido e tiña unha denuncia previa por violencia machista, no distrito madrileño de Carabanchel este sábado.

Fontes policiais confirmaron a EFE que os investigadores do Grupo VI de Homicidios da Xefatura Superior da Policía de Madrid xa recibiron os resultados parciais da autopsia, o cal apontoa a hipótese de que se trata dun asasinato machista.

Foi a parella da muller, ambos os dous de nacionalidade peruana, quen sobre as 14:15 do sábado chamou aos servizos de emerxencias alertando de que ela se atopaba inconsciente e que non respondía aos estímulos.

Ata o domicilio en que supostamente convivían vítima e agresor desprazáronse os sanitarios do Summa 112, que constataron que a muller estaba morta e tendida sobre unha cama, aínda que non apreciaron signos externos de violencia.

Con todo, ao chegaren á vivenda e despois de levaren a cabo as primeiras pescudas, os axentes da Policía Nacional detiveron o home, de 30 anos, como suposto responsable da morte da súa parella, coa que discutiría previamente.

O sospeitoso atópase este luns en dependencias policiais á espera de pasar ao dispor da autoridade xudicial.

Segundo as citadas fontes, ao home cónstalle unha denuncia previa por malos tratos no ámbito da parella, aínda que polo momento se descoñece se a denunciante era a falecida.

Por esa razón, o arrestado estaba rexistrado no sistema VioGen como potencial agresor.

O 016

O 016 atende a todas as vítimas de violencia machista as 24 horas do día e en 53 idiomas diferentes. Tamén, o correo 016-online@igualdad.gob.es. Tamén se presta atención mediante WhatsApp a través do número 600000016. Os menores poden dirixirse ao teléfono da Fundación ANAR 900 20 20 10.

Nunha situación de emerxencia, pódese chamar ao 112. Tamén aos teléfonos da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062). En caso de non poder chamar pódese recorrer á aplicación ALERTCOPS, desde a que se envía un sinal de alerta á Policía con xeolocalización. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade