Un hostaleiro de Pontevedra faise cun mero de 40 quilos capturado en Portugal
Un hostaleiro de Pontevedra faise cun mero de 40 quilos capturado en Portugal
O dono do restaurante Eirado da Leña pagou por el 750 euros máis IVE
Ata dez, doce quilos de peso pode ser relativamente normal. É o que di o restaurador Iñaki Bretal, para referirse a un mero ou cherna grande. Pero o que adquiriu estes días está moi por riba desa pesaxe.
"Isto sería unha parte da ventrecha. Agora témolo despezado xa para o servizo. E cada anaquiño destes que falta era unha espiña. Tiña unhas señoras espiñas. O bicho pesaba 39 quilos e medio", explica Bretal cunha porción do peixe.
Longo traballo de preparación ata chegar aquí. Conta Iñaki que, como a maioría dos peixes, neste caso o aproveitable para o restaurante sería a metade. O dono do restaurante Eirado da Leña ten experiencia na preparación de exemplares de talle grande, como mostran as imaxes da súa galería.
"Chamoume Luis do Percebeiro, que o colleu na lonxa de Vigo, procedente de Portugal. Díxome: teño isto e... xa foi amor a primeira vista. Aí atrás tiven outro da lonxa de Ribeira tamén de corenta quilos e pescados por barcos de aquí que andan a pescar cerquiña", relata o dono do Eirado da Leña.
Pagou por el 750 euros máis IVE e agora ten previsto despachalo nos seus restaurantes. O traballo de posta no prato ten a súa singularidade ao tratarse dun mero tan grande:
"Para sacar unha ración de carta normal son 220-250 gramos. Aquí temos que ir case a 300, porque unha tira disto xa vai ser iso, 300 gramos de peixe", di Iñaki Bretal.
O gran mero comparte menú no Eirado da praza da Leña de Pontevedra con outros exemplares tamén de porte destacado durante estes días e nunha fin de semana de bo traballo, segundo este restaurador galego estrela Michelin.