Un lume devora o almacén de pensos da cooperativa agraria Clun en Mazaricos
Un lume devora o almacén de pensos da cooperativa agraria Clun en Mazaricos
A rápida intervención dos bombeiros, aseguran, foi crucial
O incendio arrasou a nave de almacenaxe de produtos agrarios que ten a cooperativa CLUN na Picota, en Mazaricos. Ardeu dende as 11 da noite ata aproximadamente as catro da mañá, cando o lume se deu por extinguido. Foi o dono dunha empresa veciña o que chamou o 112 para dar a alarma, e axiña chegaron os bombeiros de Santa Comba, de Muros, os forestais do distrito V e os efectivos de Protección Civil de Mazaricos.
"Impresionante o rápido que chegaron -di este veciño- en vinte minutos estaban aquí". Conta José que sobre as 11 da noite, cando gardaba o coche no garaxe, escoitou soar a alarma da nave da cooperativa. Fixouse, e viu "un resplandor, como un soprete cara o ceo".
Os produtos que almacenaban na nave complicaron un pouco as tarefas de extinción pola intensa fumareda que provocan os plásticos agrícolas ao arder, e as molestias polos gases que emiten químicos como fosfatos ou amoníacos.
Aínda se investigan as causas do lume, que afectou a un terzo da nave. Son evidentes os danos no tellado, unha cuberta de uralita que provocou ao arder unha lumarada visible a varios quilómetros de distancia.
A rápida intervención dos medios de extinción conseguiu evitar que o lume se propagase ás outras naves do complexo que ten na Picota a cooperativa CLUN; non houbo danos nin no supermercado nin no seu almacén.
Ao arder de noite, non había tampouco persoal nas instalacións, así que afortunadamente só hai que facer inventario dos danos materiais que ocasionou o lume. Con todo, ata que se determine o alcance real deses danos, este complexo comercial permanecerá pechado.