Un incendio arrasa o garaxe dunha casa no Grove
O lume non provocou danos persoais
As lapas calcinaron varios vehículos
Un susto moi grande e con graves consecuencias económicas é o resultado do lume que se iniciou sobre a unha da mañá no garaxe dunha vivenda do lugar de Ardia, no Grove. A familia residente decatouse a tempo polo forte cheiro a fume e puideron avisar os servizos de emerxencias.
Segundo relata o coordinador de emerxencias do Grove, José Antonio Álvarez, o garaxe viuse totalmente afectado mentres que na vivenda só resultaron prexudicados os cuartos. "Un dano menor comparado co que puido ser, xa que a porta do garaxe soportou o lume e resistiu", afirmou.
O incendio complicouse e alcanzou tal temperatura que, ademais de Emerxencias do Grove, tiveron que acudir o GES de Sanxenxo e os Bombeiros do Salnés, que traballaron con moitas dificultades para conseguir que o lume non pasase do soto aos andares superiores. Catro vehículos, unha caldeira e varios electrodomésticos quedaron calcinados, pero polo menos non se produciron danos persoais entre os residentes.
O alcalde do Grove, José Cacabelos, anunciou que durante o día de hoxe ían proceder a revisar a estrutura de formigón da vivenda para ver os danos, "aínda que semella que está aguantando bastante ben", asegurou.
A primeira hora desta mañá os equipos de emerxencias recibían unha chamada avisando de que reaparecera o fume, aínda que foi rapidamente controlado. Investígase a orixe do lume que inicialmente apunta cara a un curtocircuíto eléctrico.