Un incendio arrasa un alpendre e parte dunha vivenda no Incio
Un incendio arrasa un alpendre e parte dunha vivenda no Incio
Deron aviso, e evitaron males maiores, os operarios da recollida do lixo
Un alpendre de Montemeán, na parroquia de Santa Mariña do Incio, quedou totalmente arrasado polas lapas. No seu interior había un tractor e diversos apeiros, ademais de leña. Todo está agora completamente calcinado. O lume tamén afectou parte da vivenda anexa.
Francisco Rodríguez Cortiñas, irmán do dono da casa: "Aí tiña unha pía de leña grande, o tractor, o remolque... Iso ardeu todo. E a cociña non vale tampouco".
José Manuel López, sarxento dos bombeiros de Sarria: "No alpendre está todo colapsado. E parte da vivenda, a onde pasou o lume, tamén está bastante deteriorada".
O dono dos inmobles estaba a durmir cando se declarou o lume, aínda que non houbo que lamentar danos persoais. Foron os operarios do servizo de recollida do lixo os que se decataron de que había un incendio e os que avisaron os servizos de emerxencias.
Francisco Rodríguez Cortiñas, irmán do dono da casa: "Quen deu aviso foron os do lixo, que viron arder cando viñeron recoller e chamaron os bombeiros. Cando chegaron os bombeiros dende Sarria, el estaba durmindo aínda no cacho que quedou".
Ademais de dúas dotacións do parque de bombeiros de Sarria, nos labores de extinción das lapas tamén participou unha carroceta municipal do Incio.
José Manuel López, sarxento dos bombeiros de Sarria: "Cando chegamos, o incendio xa estaba moi desenvolvido. O que fixemos foi evitar que pasara para a vivenda. Agora estamos a sanear as vigas e os refugallos para que quede ben refrixerado e non haxa reignicións".
Ata o lugar tamén se desprazou a Garda Civil, que investiga agora as causas do incendio.