Un incendio, que se sospeita intencionado, arrasa o estaleiro artesanal de San Cibrao
Un incendio, que se sospeita intencionado, arrasa o estaleiro artesanal de San Cibrao
Os bombeiros dos parques mariñaos traballaron durante horas na extinción das lapas, que deixaron danos cuantiosos
Un incendio declarado de madrugada provocou importantes danos no único estaleiro de carpintería de ribeira da Mariña, na vila de San Cibrao.
O seu dono valora as perdas en decenas de miles de euros, xa que arderon ferramentas e materiais, ademais de maquetas e de planos dun valor patrimonial incalculable.
"Perdeuse ferramenta, madeira, materiais e cousas que non se poden recuperar, como son maquetas e planos de barcos, ferramenta antiga e unha parte do patrimonio do noso pobo", di Francisco Fra Rico, dono do estaleiro.
Ata o lugar acudiron de inmediato os efectivos do GES de Cervo, ademais dos bombeiros de Viveiro e de Barreiros. Debido á gran cantidade de materiais inflamables, estiveron a traballar durante máis de catro horas na extinción das lapas.
"Un estaleiro ten moito risco, polos materiais que garda. Era todo de madeira e había vernices. Unha dotación de tres bombeiros de cada parque son necesarias, como mínimo, para afrontar un incendio así", explica Fernando González, sarxento dos bombeiros de Barreiros.
Tocante ás causas do incendio, descoñécense polo momento. Así e todo, o dono do estaleiro cre que foi intencionado.
"Eu todos os días, mesmo para comer, baixo os limitadores da luz. Non queda corrente dentro do estaleiro. É dicir, que foi provocado", asegura o propietario.
Unha vez denunciados estes feitos, a Garda Civil investigará a súa autoría.