Un incendio calcina o garaxe do Pazo de Reda, no concello de Piñor
Un incendio calcina o garaxe do Pazo de Reda, no concello de Piñor
Descoñécense polo de agora as causas que puideron provocar o incendio
Ardeu un coche e maquinaria e os danos materiais son cuantiosos
Foi contra as once da noite cando os servizos de emerxencia comezaron a recibir distintas chamadas alertando dun incendio no Pazo de Reda, no concello ourensán de Piñor. Tamén da súa propietaria, que nese momento estaba traballando.
"Chamou unha veciña dicindo que escoitaban coma se fosen petardos, preguntando que pasaba aquí, díxenlle que non sabía, e a continuación dixo: vexo lume saír do garaxe."
En apenas unha hora as lapas consumiron por completo todo o que había no interior. A estrutura, de uralita, bloques e madeira tamén colapsou.
"Había un coche e maquinaria. O lume estaba xa moi avanzado e os bombeiros non saben con exactitude as causas."
A propietaria alertada pola veciñanza chamou a súa familia, que, dentro da casa, non se decatara do que estaba a acontecer. As perdas materiais son cuantiosas. Descoñécense polo de agora as causas que puideron provocar o incendio.
"Non quedou absolutamente nada, quedaron uns ferros e máis nada."
Hai tres anos outro incendio, daquela por un curtocircuíto, provocara importantes danos na vivenda. Desta vez por sorte -din- o lume só afectou o garaxe e ninguén resultou ferido.