Un incendio calcina o interior dunha vivenda no concello de Barbadás
Un incendio calcina o interior dunha vivenda no concello de Barbadás
Unha moza que estaba na casa marchou antes de que as lapas destruísen o inmoble
Primeiro marchou a luz, despois empezaron a escoitarse pequenas explosións no tellado. A moza que estaba nese momento na casa esperando a que chegaron os seus pais do traballo colleu as mascotas, baixou os automáticos e saíu fóra para chamar a Emerxencias.
Os pais da moza chegaron en apenas cinco minutos, tamén os bombeiros, Protección Civil e a Garda Civil, pero xa pouco se podía facer.
"O incendio xa estaba completamente desenvolvido tanto na vivenda como no teito, a casa queda practicamente inhabitable", explica Daniel Rey, coordinador de Protección Civil de Barbadás.
Coidan que o incendio comezou no salón para despois propagarse rapidamente pola estrutura de madeira do faiado. Ademais dos danos provocados polo lume, o teito colapsou sobre varias dos cuartos da vivenda.
"Nas estancias que permanecen pechadas durante un incendio pode salvarse algo. Neste caso creo que había dúas estancias pechadas, que son as que neste caso poden ser medianamente recuperables, o resto nada. Quedaron sen nada, co posto".
A causa do incendio está aínda por determinar, pero non se desbota que puidese deberse a un curtocircuíto.
"Parece que tiñan problemas eléctricos na vivenda nos días anteriores pero non lle deron maior importancia. Hai que incidir en que hai que revisar as instalacións, non sobrecargar enchufes, telo todo homologado e ante calquera dúbida chamar a profesionais para que fagan unha revisión tanto das instalacións eléctricas como nas da calefacción".
O matrimonio levaba varios anos residindo coa súa filla nesta vivenda no concello de Barbadás. Esta noite durmiron na casa dun familiar. Por sorte, non quedou ninguén ferido, pero din que a situación é complexa porque todo o que tiñan estaba nesa casa.