Un incendio calcina unha nave dunha empresa de lousa en Carballeda de Valdeorras
Un incendio calcina unha nave dunha empresa de lousa en Carballeda de Valdeorras
Houbo risco de derrubamento e de que as lapas chegasen ata uns colectores de grandes dimensións
Un incendio calcinou por completo unha nave destinada a taller dunha empresa de lousa, en Casaio, Carballeda de Valdeorras. O incendio declarouse onte á tardiña, por causas aínda non determinadas, e quedou extinguido contra as catro da madrugada.
Os propios veciños da vila viron as labaradas de lume desde a distancia.
"Vin un fume azul, non negro, pero, de golpe, volvín mirar pola ventá e xa vin as lapas enormes dentro, no interior do recinto", explica un veciño de Casaio, Carballeda de Valdeorras.
Requiriu unha intervención laboriosa dos bombeiros da Rúa, que tiveron dificultades, xa para acceder ao lugar, en Mormiao, por unha pista de terra. As brigadas forestais de Medio Rural colaboraron cos bombeiros na extinción e na subministración de auga. Os labores complicáronse polo material inflamable que había no interior, ao utilizarse como taller para a reparación de vehículos das canteiras.
A nave colapsou por completo. Houbo risco de derrubamento e de que as lapas chegasen ata uns colectores de grandes dimensións con aceite. Os bombeiros traballaron para o impedir e tamén deron salvado os vehículos que a empresa tiña alí para reparar. Non houbo feridos.