Un incendio destrúe o segundo piso dunha casa en Mesía
Un incendio destrúe o segundo piso dunha casa en Mesía
O matrimonio descansaba na parte de baixo cando escoitaron os estalos dos cristais, sen tempo de salvar cousas, pero si de saír da casa ilesos
Á espera da investigación, todo apunta a un curtocircuíto
Os estalos dos cristais alertaron o matrimonio, que descansaba na parte baixa da vivenda, onde facían vida. Cando se decataron, o lume xa estaba moi avanzado. Non puideron salvar nada do piso de riba pero si pórse a salvo.
Os veciños das casas máis próximas foron os primeiros en acudir na súa axuda, antes xa de que chegaran o GES de Curtis e os Bombeiros de Ordes. De feito, nin tempo tiveron de recoller as mangueiras.
Tamén hoxe están recibindo o seu apoio. A casa é un ir e vir de amigos, de familia e de traballadoras do Concello, que acudiron á primeira hora á vivenda para avaliar as necesidades da familia.
As perdas son importantes: o lume arrasou o segundo andar, pero a auga e o fume provocaron danos importantes no resto da casa.
Pendentes do resultado da investigación, todo apunta a que a orixe do incendio foi un curtocircuíto.