Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un incendio forestal obriga a desaloxar trece localidades na provincia de Zamora

Un incendio forestal obriga a desaloxar trece localidades na provincia de Zamora

Máis de 600 persoas foron evacuadas en Caudiel (Castelló) por outro lume que ameaza zonas habitadas 

G24.gal 18/06/2022 08:25 Última actualización 18/06/2022 19:37

Un total de trece localidades do oeste da provincia de Zamora que suman conxuntamente 1.721 veciños, segundo datos do último censo do INE, tiveron que ser desaloxadas e a estrada nacional 631, cortada ao tráfico polo incendio declarado na Serra da Culebra.

Na noite deste venres evacuouse a poboación de Cional, Codesal, Villanueva de Valrojo, Ferreras de Arriba e Ferreras de Abaixo, que se suman ás outras oito localidades evacuadas na xornada anterior, segundo fontes do operativo de extinción e os alcaldes dos municipios afectados.

As persoas desaloxadas pasaron a noite fóra das súas casas, parte delas acomodadas en vivendas de familiares e amigos ou en segundas residencias, e o resto nos pavillóns deportivos de Alcañices, Camarzana de Tera e Benavente.

Ao incendio da Serra da Culebra, que arrasou xa unhas 11.000 hectáreas, na súa maioría de piñeirais, monte baixo e matogueira, sumouse este venres pola tarde outro localizado no municipio zamorano de Ayoó de Vidriales.

Neste último, as tarefas de extinción complicáronse polos refachos de vento cambiante e a proximidade do lume ás primeiras casas da vila. 

Incendio en Castelló

En Castelló, no termo de Caudiel, os equipos de extinción tentan sufocar outro incendio que tamén ameaza varias poboacións. 

A primeira hora deste sábado saíron dous medios aéreos para apoiar o traballo que fan en terra catro unidades de bombeiros forestais da Generalitat, unha unidade da Unidade Militar de Emerxencias (UME) e cinco dotacións do Consorcio de Castelló, apoiados por catro autobombas.

O incendio forestal declarado este venres obrigou a desaloxar uns 660 habitantes da comarca do Alto Palancia debido á proximidade do lume ás súas casas e a confinar outros nas súas vivendas por mor do fume.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade