Un incendio nun alpendre do Corgo causa cuantiosas perdas
Un incendio nun alpendre do Corgo causa cuantiosas perdas
No interior do pendello gardábanse ferramentas, rolos de herba seca e leña
Un incendio declarado de madrugada arrasou por completo un alpendre na parroquia de Santo Estevo de Farnadeiros, no concello do Corgo.
No interior da edificación, erixida nos anos 50, gardábanse varios remolques de leña, unha ducia de rolos de herba seca, distintas ferramentas e produtos da matanza. En total, estímase que o valor das perdas supera os 30.000 euros.
Ata o lugar desprazáronse os efectivos de garda do parque de bombeiros de Sarria, que estiveron a traballar durante horas na extinción das lapas. E posto que colapsou a cuberta do pendello, tamén foi necesaria a intervención dunha pa para retirar os cascallos.
José Siro Arias Somoza, pai do dono do alpendre: "O edificio caeu só, e os rolos de herba houbo que desfacelos porque non se daba apagado. A pa é dun cuñado meu, que veu para mover os rolos".
Mentres a pa retiraba a herba e a leña do pendello, os bombeiros foron arrefriando o rescaldo.
Si se puideron salvar unha decena de vacas que estaban na corte que se encontra á beira, pertencentes á mesma explotación de carne. Para evitar que sufrisen danos, levaron os animais a un prado ao carón da casa.
Tocante ás causas do incendio, descoñécense polo momento, pero en calquera caso o alpendre estaba asegurado.