Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un incendio nunha casa de Redondela pon en perigo un almacén de pneumáticos

Un incendio nunha casa de Redondela pon en perigo un almacén de pneumáticos

O lume carbonizou o faiado da vivenda

Os bombeiros tiveron que apagar outro incendio en Mos

G24.gal 31/01/2024 14:32

Un incendio arrasou esta pasada noite o faiado dunha casa en Redondela. Non houbo que lamentar danos persoais, pero a proximidade dunha nave con material inflamable complicou as tarefas de extinción. 

Pouco antes das dúas da mañá os propietarios alertaban de que lles estaba ardendo o faiado e do perigo de que as lapas se propagaran a un almacén de pneumáticos veciño. Os bombeiros do Porriño mobilizáronse e achegáronse cunha bomba urbana pesada e pediron apoio aos compañeiros de Vigo e do Morrazo. No lugar centráronse en cortar a propagación das lapas á nave veciña dende o interior da vivenda.

Segundo Daniel Bar, xefe de quenda de Bombeiros do Porriño que interviu: "Nós cando chegamos as lapas rompían polo tellado, e afectaron dunha forma maiúscula os metros cadrados que tiña ese faiado".

Non foi un traballo doado, xa que todo o recubrimento cedeu, todas as tellas caeron ao interior e o avance dos equipos de intervención tivo que demorarse por seguridade, sempre cun ollo posto na nave veciña. Trátase dun almacén de pneumáticos que se chega a arder sería moi difícil sufocar.

Alejandro González, traballador do almacén de pneumáticos conta que "con todo o que temos aquí de madeira, plásticos e pneumáticos complicábase todo, vino xusto ao chegar pola mañá e uff... por sorte non tiñamos nada aquí, pois ben, porque senón... tiñamos a furgoneta, gaiolas, pero por sorte puideron pasar para apagalo".

Os bombeiros do Porriño xa traballaran arreo horas antes tras o aviso por un incendio nunha vivenda de Mos, concretamente no garaxe, que afectou un coche, unha moto, trebellos e roupa. En ningún dos casos houbo que lamentar danos persoais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade