Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un incendio nunha vivenda de Pantón provoca importantes danos materiais

Un incendio nunha vivenda de Pantón provoca importantes danos materiais

Os donos saíron ilesos e as lapas foron sufocadas polos bombeiros de Monforte

 

Félix Aragunde 13/03/2024 13:42

Foron os propios donos os que se decataron de que lles estaba a arder a casa, situada na parroquia de Castillón, en Pantón. Nun primeiro momento, trataron de sufocar o incendio cos seus propios medios, pero non foi dabondo.

Finalmente, acudiron a este lugar os bombeiros do parque comarcal de Monforte. Durante horas, estiveron a traballar na extinción das lapas, ata que o incendio estivo controlado por completo.

Tomás Losada, sarxento dos bombeiros de Monforte: "Cadrou xusto no cambio de garda. Veu a que xa estaba traballando, topouse co tellado da casa en lapas e púxose a extinguilas. Ao momento, chegou a garda que se estaba a incorporar e botoulle unha man".

Tanto a cociña como o salón da vivenda, situada no lugar da Xesteira, quedaron arrasadas polo lume. Unha vez extinguido, os bombeiros dedicáronse aos labores de arrefriamento e desentullo.

Tomás Losada, sarxento dos bombeiros de Monforte: "En principio o lume empezou na cociña e estendeuse ao salón, onde se atallou para que non pasara aos cuartos lindeiros. É unha casa de madeira co teito de escaiola, polo que sería moi rápida a súa expansión".

Polo momento, descoñécense as causas do incendio, que provocou uns importantes danos materiais no inmoble, que están pendentes aínda de ser cuantificados. Pola súa parte, os propietarios da vivenda saíron ilesos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade