Un incendio provoca cuantiosos danos nunha casa do Chao do Fabeiro, en Monforte
Un incendio provoca cuantiosos danos nunha casa do Chao do Fabeiro, en Monforte
Un curtocircuíto puido ser a causa do lume, que arrasou o tellado da vivenda
O piso superior e o tellado dunha vivenda do Chao do Fabeiro, en Monforte, quedaron arrasados nun incendio. Grazas a que os veciños se decataron de que estaba a arder, salvouse o resto do inmoble. Aínda así, as lapas tamén danaron parte doutra casa deste lugar de Porto de Lobos.
"Estaba toda a aldea aquí e ofrecéronse para o que fixese falta. E estaban tres dotacións de bombeiros traballando", conta José María Goyanes, copropietario da casa incendiada.
Os bombeiros do parque monfortino estiveron a traballar arreo durante tres horas, ata a medianoite, na extinción do lume. Tocante á súa orixe, que está a ser investigada pola Policía Científica, crese que se puido tratar dun curtocircuíto.
"Ao saltar, non tiña por que prender lume, pero hai ratos", explica José María.
Aínda que polo momento non foron avaliados, os danos provocados polo incendio poderían ascender a decenas de miles de euros.