Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un incendio provoca importantes danos materiais nunha explotación agraria en Castro de Rei

Un incendio provoca importantes danos materiais nunha explotación agraria en Castro de Rei

Os servizos de extinción evitaron que as lapas chegaran a un depósito con 1.000 litros de combustible e que arderan un vehículo e maquinaria

Por causas que se descoñecen, arderon 120 rolos de herba seca e o lume arrasou a palleira

G24.gal 27/08/2024 10:18

Un incendio declarado de madrugada arrasou unha palleira na parroquia de Ramil, en Castro de Rei. O inmoble, que linda con dous alpendres da mesma casa, albergaba 120 rolos de herba seca.

Ata o lugar do Couto de A desprazáronse tres coches de bombeiros do parque comarcal de Vilalba. Tras sufocaren as lapas, tanto as dotacións de garda como a súa remuda encargáronse de arrefriar o rescaldo.

 "Era un incendio bastante potente. O primeiro que fixemos foi refrixeralo e controlalo. Tamén protexemos uns depósitos de gasóleo e, coa axuda dos donos da casa, quitamos os rolos de herba", asegura Héctor Fernández, xefe de garda do parque de bombeiros de Vilalba

Ademais duns depósitos cuns mil litros de gasóleo, tamén se salvaron un carro mesturador e un coche que estaban gardados nos pendellos lindeiros.

Así e todo, a cuberta da palleira quedou calcinada por completo, o que provocou uns danos cuantiosos que se suman aos preto de 4.000 euros en que estaban valorados os rolos de herba seca.

"Empezou a arder de noite. Déronse de conta polo ruído, e xa chamamos a Emerxencias. Non sei que puido pasar", relata Rubén Huerta, titular da explotación.

"Os coches sacáronos, e o aparello de darlles a comida ás vacas, que estaban aquí tamén. Que se non, miña nai querida...", engade Pura Abelaira, dona da casa.

Nos labores de extinción das lapas, os bombeiros contaron co apoio dunha carroceta do Medio Rural. Agora, a Garda Civil investiga as causas deste incendio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade