Un incendio nunha fritideira calcina por completo un ximnasio no Barco
Un incendio nunha fritideira calcina por completo un ximnasio no Barco
O lume comezou de madrugada nun establecemento localizado na planta baixa do edificio e ascendeu polo tiro da cheminea ata queimar o ximnasio
Un incendio que comezou nunha fritideira dunha cafetería na madrugada deste mércores calcinou por completo un ximnasio no Barco de Valdeorras, sen que houbese que lamentar danos persoais.
Segundo informa o 112 Galicia, o lume comezou no mencionado electrodoméstico dun establecemento localizado na planta baixa do edificio e ascendeu polo tiro da cheminea ata queimar o ximnasio que había no terceiro e último piso.
Varios particulares que estaban pola zona contactaron co 112 pasadas as 3.00 da mañá para alertar de que saía unha densa fumareda dunha cafetería da rúa do Parque do Malecón. Despois, sinalaron que estaba a arder o tellado, que finalmente colapsou.
Os servizos de emerxencias traballaron no lugar boa parte da madrugada, ata que ás 6.30 dérono por controlado e empezaron coas tarefas de arrefriado.
Estes efectivos confirmaron ao 112 que na cafetería só ardeu a zona da fritideira, pero que o lume subiu polo tiro metálico da cheminea ata o último piso, que funcionaba como un ximnasio que ardeu por completo. O resto de inmobles non se viron afectados e non houbo que desaloxar a ninguén.
No operativo de extinción traballaron os bombeiros e o GES do Barco, así como a Garda Civil.