Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un investigador sinala directamente a Ana Sandamil como autora da morte de Desirée

Un investigador sinala directamente a Ana Sandamil como autora da morte de Desirée

Os primeiros axentes que chegaron ao lugar do suceso aseguran que a avoa non quería estar no mesmo cuarto que a nai da pequena

Tensión e berros, de novo con reforzo policial, ás portas da Audiencia de Lugo

Terceira xornada do xuízo pola morte da pequena Desirée
G24.gal 09/02/2022 15:21

O terceiro día do xuízo polo crime de Desirée empezou coma as dúas xornadas anteriores con moita tensión. A acusada foi recibida con berros e insultos á súa chegada á Audiencia Provincial de Lugo.

Unha xornada a desta mañá en que o protagonismo o tiveron as declaracións dos investigadores. Todos coincidiron en sinalar que os indicios e o escenario que atoparon na casa de Muimenta apuntaron dende o principio a un crime e non a unha inxestión accidental de medicamentos.

Coinciden tamén en describir a actitude da acusada como sospeitosa, pola actitude calmada que tiña nos primeiros momentos. O sarxento da Unidade Orgánica da Policía Xudicial foi o máis directo e non dubidou en sinalar a Ana Sandamil como a autora da morte de Desirée.

O avogado da acusación particular preguntoulle se a morte foi por intoxicación de medicamentos ou morte violenta e o investigado respondeu sen dubidar: "violenta".

E volveulle preguntar: "Para vostede quen é a autora da morte de Desirée?". "Sen dúbida, Ana Sandamil", contesta.

Os axentes da Garda Civil e dos investigadores coincidiron nas súas declaracións. A mañá do tres de maio do 19, na casa familiar de Muimenta, atopáronse cun escenario que non respondía cunha morte accidental.

"Non me coincidía cunha morte natural ao haber sangue por alí e signos de violencia", dixo un dos primeiros gardas civís que chegaron ao lugar.

"Cando vexo a escena, vexo violencia. En canto vimos as feridas na boca obsérvase que é difícil que se produzan por unha inxestión de pastillas", asegurou o investigador da Policía Xudicial.

Sinalaron a actitude pouco colaboradora e mesmo á defensiva da acusada e a impresión que a avoa da pequena non quería estar no mesmo cuarto que a filla. "Elas non cruzaron palabra en ningún momento e semellaba que non querían estar xuntas", declarou un garda civil.

Outro afirmou: "Pareceunos estraña a reacción, porque non quería entrar no salón onde estaba a filla".

Na sala vivíronse momentos de tensión cando se amosaron imaxes do corpo sen vida da pequena obtidas no escenario do crime, momento en que os familiares de Desirée romperon a chorar e houbo que acompañar o pai para fóra da sala.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade