Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un investimento de 87 millóns de euros completará a renovación do Complexo Hospitalario de Ferrol

Un investimento de 87 millóns de euros completará a renovación do Complexo Hospitalario de Ferrol

A segunda fase do Plan director do Complexo Hospitalario de Ferrol sumarase á primeira, na que xa se investiron case 80 millóns de euros

Xunta e Concello investirán 12 millóns nun plan de rehabilitación urbana de Ferrol

A Xunta sufragará con fondos europeos a ampliación do Campus de Ferrol

G24.gal 24/03/2025 13:31 Última actualización 24/03/2025 14:44

O Consello da Xunta deulle este luns luz verde á segunda fase do Plan director do Complexo Hospitalario de Ferrol no que se prevén investir 87 millóns de euros.

Segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras a xuntanza do seu Executivo, que se celebrou en Ferrol, esta segunda fase completa a primeira, en que xa se investiron case 80 millóns e servirá para completar as instalacións do Arquitecto Marcide, o Hospital Naval e o Novoa Santos.

Os investimentos, relatou Rueda, servirán para "renovar a unidade de hospitalización do Arquitecto Marcide, incrementar un 22 % o número de camas dispoñibles, mellorar a zona de quirófanos no Marcide e no Naval, habilitar unha área de novas consultas externas no Naval e facer melloras no hospital de día oncohematolóxico, na unidade de dor e nos laboratorios".

Ao mesmo tempo o Consello da Xunta tamén aprobou a construción dun novo centro de saúde en Ferrol, no barrio de San Xoán, no que se van investir 5,4 millóns de euros e para o que o concello debe ceder unha parcela, e que debe dar servizo a máis de 10.000 veciños que supoñen a poboación adulta dos barrios de San Xoán, Catabois e Santa Cecilia.

En canto a vivenda, o Executivo galego aprobou a convocatoria dun concurso para adxudicar dúas parcelas no Bertón, para que promotores e cooperativas constrúan 48 vivendas protexidas destinadas á compra-venda ou o alugueiro.

Xunta e Concello investirán 12 millóns nun plan de rehabilitación urbana de Ferrol

A Xunta de Galicia tamén aprobou un convenio co Concello de Ferrol que suporá un investimento de 12 millóns de euros, cunha achega do 75 % e o 25 %, respectivamente, para despregar unha rehabilitación urbana que contempla medidas nunha decena de barrios.

A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, confirmou o desenvolvemento do plan, e sinalou que a iniciativa prevé a adquisición de edificios e solares, a recuperación de inmobles emblemáticos e a reurbanización de rúas e prazas.

Entre as principais actuacións, aludiu á compra do edificio de El Correo Gallego, para destinalo a uso museístico vinculado co Modernismo, ademais da adquisición de predios en Ferrol Vello, A Graña, Ultramar e Caranza.

Deste xeito, poderase dotar dun pavillón polideportivo ao instituto de Secundaria de Ferrol Vello, crear un aparcamento no núcleo da Graña ou abrir dependencias de uso cidadán en Ultramar e Caranza, ademais de "resolver os problemas nos espazos interiores" do centro cultural Carvalho Calero, dixo Martínez Allegue.

A conselleira tamén avanzou a intención de que a principal praza de abastos da cidade, a do centro histórico da Magdalena, sexa renovada para habilitar un "novo mercado que interactúe" coa súa nave contigua, obra do arquitecto modernista Rodolfo Ucha.

Nun comunicado, o Concello de Ferrol concretou que cumpre así coa "consignación de recursos para dezanove investimentos" e referiu que se desbloqueará o "maior investimento que tivemos nunca para a transformación urbana" do municipio, en palabras do seu alcalde, José Manuel Rey Varela.

A Xunta sufragará con fondos europeos a ampliación do Campus de Ferrol

O Consello da Xunta de Galicia tamén autorizou o proxecto de ampliación do campus universitario da cidade, que inclúe a construción dun novo edificio de innovación e investigación na Avenida de Esteiro, presupostado en 15 millóns de euros e que recibirá financiamento europeo.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, engadiu que o inmoble destaca nun plan "estratéxico" para que a cidade sexa un "polo de innovación e enerxías renovables" e subliñou que uns 2.700 estudantes impulsan a actividade da Universidade da Coruña na localidade.

"É un proxecto estratéxico, vai contribuír ao crecemento e posicionamento en I+D+i", incidiu Rodríguez, que valorou que ocupará un solar de 1.500 metros cadrados, ademais de manifestar que o complexo "vai ser unha realidade" nun período de entre dous e tres anos, coa presentación do documento "despois de Semana Santa". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade