Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un músico de 16 anos é o organista oficial da colexiata de Xunqueira de Ambía

Un músico de 16 anos é o organista oficial da colexiata de Xunqueira de Ambía

Recuperan a tradición de harmonizar as liturxias dos domingos coas melodías do impoñente órgano barroco

Un instrumento contruído en 1759 é un dos máis antigos e mellor conservados de Galicia

O novo organista oficial da colexiata de Xunqueira de Ambía é un músico de 16 anos
G24.gal 23/12/2021 20:40

O órgano barroco ibérico da colexiata Santa María a Real de Xunqueira de Ambía deixará de estar mudo, porque volve soar para harmonizar as misas dos domingos. 

O seu novo organista oficial é un mozo de 16 anos, Hugo Pérez. El é desde o pasado domingo o encargado de acompañar as liturxias coas melodías deste órgano barroco do xéculo XVIII, un dos máis antigos e mellor conservados de toda Galicia. 

"Para min é toda unha honra porque é un órgano moi especial e poder tocalo é todo un privilexio", asegura Hugo Pérez, o novo organista da colexiata de Xunqueira. 

Unha tradición que se perdera hai máis de 30 anos e que o seu novo párroco, Luis Javier González, tiña o soño de que volvese soar para acompañar as misas. 

"Un dos meus soños desde que cheguei é que este impoñente órgano barroco ibérico volvese cumprir co seu obxectivo xenuíno para o que foi creado, que é para harmonizar, para acompañar a liturxia", explica o párroco. 

Hugo Pérez é estudante de órgano no conservatorio de Ourense. A súa participación nos ciclos de música antiga que organiza a súa profesora Marisol Mendive levouno ata esta colexiata. Este último trimestre estívose preparando coa axuda da súa profesora e agora este músico estará tocando nas misas da colexiata este órgano construído en 1759.  

"Empecei o domingo pasado e bastante ben, é moi especial", di o organista, Hugo Pérez. 

"Co son deste órgano a liturxia cobra un son celestial", di o párroco Luis Javier González.

Un son moi especial que se poderá escoitar todos os domingos na misa das 12 na colexiata Santa María a Real de Xunqueira de Ambía.

O órgano barroco de Xunqueira de Ambía é do século XVIII. O órgano barroco de Xunqueira de Ambía é do século XVIII.
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade