Os farrumecos percorren Xunqueira na compaña de personaxes doutros entroidos ourensáns
Os farrumecos percorren Xunqueira na compaña de personaxes doutros entroidos ourensáns
A figura típica destas festas na zona foi recuperada hai poucos anos polos veciños da aldea de Sobradelo
O Entroido chama á porta xa na provincia de Ourense. Xunto ás celebracións máis coñecidas, atopamos outras recuperadas grazas a memoria dos máis vellos e a implicación dos veciños. É o caso dos Farrumecos de Sobradelo, en Xunqueira de Ambía.
A súa vestimenta está formada por varias capas de roupa de cores vistosas. Tapando a faciana, para salvagardar a identidade, noutrora un trapo e neste intre unha careta. E na man, xestas ou cobelleiros.
A súa misión, percorrer as casas e facer trasnadas a aqueles que non lles dan nada. Mover as cousas de sitio, subirse aos balcóns ou tocar a campá son algunhas das súas falcatruadas máis habituais. Todo con moito sentido do humor.
Este sábado percorreron as rúas de Xunqueira acompañados de personaxes doutros entroidos ourensáns como os felos e as madamas de Esgos ou as Bonitas de Sande. Figuras coas que comparten a rebeldía do entroido e as ganas de troula.