Un informe do CXPX di que a lei de vivenda do Goberno invade competencias autonómicas
Un informe do CXPX di que a lei de vivenda do Goberno invade competencias autonómicas
O Executivo insiste en que a vai aprobar
Unidas Podemos acusa o órgano dos xuíces de querer impedir os avances sociais en España
O novo informe do Consello Xeral do Poder Xudicial pon en dúbida varios aspectos fundamentais do anteproxecto de lei de vivenda.
O primeiro, cuestiona que o Goberno poida regular sobre a materia porque a vivenda é unha competencia autonómica, polo que a nova lei non tería encaixe constitucional. Pero ademais censura a vixilancia sobre os propietarios de inmobles, e non ten claro que se poidan poñer límites por lei aos prezos dos alugueiros.
Desde o Goberno defenden a súa validez e insisten en que a van aprobar. Así o asegura Raquel Sánchez, ministra de Transportes, Mobilidade de Axenda Urbana, "é un texto que cumpre coa Constitución. A lei está ben armada xurídica e tecnicamente. Así que estamos convencidos de que a imos poder aprobar".
A ministra de Asuntos Sociais asegura nun chío que o documento non é máis que un intento por frear os dereitos dos inquilinos. Desde Unidas Podemos cren que o órgano dos xuíces estase extralimitando.
"O que temos é un Consello Xeral do Poder Xudicial que está liderando a reacción antidemocrática ao Goberno deste país, que está facendo oposición ao Goberno, e que lle molesta que o Goberno de coalición estea dando pasos importantes a favor dos dereitos dos cidadáns", di Isa Serra.
E lembran que os informes do Consello Xeral do Poder Xudicial son preceptivos pero non son vinculantes.