Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un novo relato económico para Cataluña?, por Venancio Salcines

OPINIÓN

Un novo relato económico para Cataluña?, por Venancio Salcines

G24.gal 13/05/2024 08:00

O risco empresarial é inherente ao beneficio dunha compañía. Calquera empresario teno claro e sabe navegar cos riscos inherentes a súa actividade; o que non é tan inherente son os riscos externos, alleos ao negocio e froito da inestabilidade política. Se ademais o risco é que a túa cidade, a túa autonomía deixe de formar parte de España, é dicir, se embarque nun novo proxecto nacional, con novas lexislacións, novos marcos fiscais, perda de mercado doméstico..., é dicir, se poida encontrar no medio dunha orquestra plena de incertezas, o natural é que queiras espertar, abandonar un pesadelo. Como? Cambiando de espazo, marchando de Cataluña. Iso foi o que fixeron todas as empresas catalás que pertencían ao IBEX, máis nove mil máis que elixiron o mesmo camiño de fuga.

Por tanto, toda análise económica de Cataluña debe enmarcarse no campo das incertezas políticas. E aquí o resultado de onte pode ser interpretado como un castigo aos partidos independentistas, agás Junts. A maioría independentista da Cámara desaparece e, como consecuencia, o discurso rupturista co Estado español debería minguar e centrarse máis nos problemas propios da sociedade catalá. Se isto é así e esta lóxica se consolida, poderiamos observar unha mellora da posición estratéxica da economía catalá. Mais, para poder ver o retorno dunha parte das compañías que marcharon e marchan de Cataluña, deberiamos ter por diante un período longo de estabilidade, o que non é fácil que ocorra, dada a fragmentación política catalá, onde a segunda forza é puramente independentista. En todo caso, empeza unha nova época, na que as forzas constitucionalistas son maioría e onde con toda seguridade veremos un cambio no relato político dominante. A que posición económica nos pode levar? É cedo para obter unha conclusión, aínda que hoxe temos fiestras que non existían hai uns días.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade