Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un oso pasea polas vilas de Cantabria e obriga a activar o protocolo de seguridade

Un oso pasea polas vilas de Cantabria e obriga a activar o protocolo de seguridade

"Este oso, de máis dun ano e medio, causou, por unha banda, alarma e, por outra, atracción. Hai que facerlle entender que buscar comida fácil nunha vila é unha mala idea"

Imaxe de arquivo Imaxe de arquivo
G24.gal 08/09/2023 19:42

A Consellería de Desenvolvemento Rural de Cantabria activou o protocolo de intervención de osos pardos pola presenza dun exemplar non adulto, en varios núcleos de poboación da Hermandad de Campoo de Suso, co obxectivo de que volva ao seu hábitat natural no monte.

O Goberno de Cantabria e a Fundación Ouso Pardo (FOP) reforzarán ademais as súas vías de colaboración para buscar un maior equilibrio na convivencia da fauna silvestre e as actividades gandeiras e humanas no medio natural da comunidade autónoma.

Así o acordaron o conselleiro Pablo Palencia e o presidente da FOP, Guillermo Palomero, nun encontro mantido este venres para analizar o caso dun oso non adulto que leva varios días paseando por diferentes núcleos de poboación da Hermandad de Campoo de Suso.

Protocolo de intervención

O protocolo prevé o uso de balas de caucho e o lanzamento de petardos para escorrentar o animal cando está a molestar, explicou Palomero.

En caso de que o oso persista na súa conduta, procederíase a capturalo co fin de instalarlle un colar emisor que permita telo controlado e poder adoptar medidas cando se achegue a zonas poboadas co obxecto de escorrentalo.

"Imos colaborar neste caso concreto para que entre os axentes do Medio Natural e os bombeiros forestais da Dirección Xeral de Montes e Biodiversidade do Goberno de Cantabria e os técnicos da Fundación Ouso Pardo realicen actuacións en equipo que permitan escorrentar ao animal", explicou Palencia.

Así mesmo, fixo un chamamento a veciños e visitantes para que teñan precaución e eviten na medida do posible problemas por mor de posibles encontros co animal.

O presidente da Fundación Ouso Pardo asegurou que a reunión foi "moi positiva e satisfactoria" para tomar medidas que reconduzan o comportamento do oso e, doutra banda, para falar de "da conveniencia" dun convenio entre Goberno e FOP que "permita avanzar na coexistencia de osos e humanos".

Palomero destacou que é "un risco enorme" para a coexistencia pacífica cos humanos que un oso se achegue aos núcleos de poboación. "Este oso, de máis dun ano e medio, causou por unha banda alarma e por outro atracción, hai que facerlle entender que buscar comida fácil nunha vila é unha mala idea", explicou.

E lembrou que "os osos son animais salvaxes que non queren facer dano, pero en caso de detectar malos comportamentos por parte dos humanos, como achegamentos a moi curta distancia ou o lanzamento de obxectos, poden reaccionar de maneira defensiva e atacar aos humanos".

Ademais, insistiu en que non hai que deixar que o animal se achegue e avogou por poñer distancia suficiente co oso para que cambie o seu itinerario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade