Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un pedagogo da USC, elixido mellor profesor universitario de España

Un pedagogo da USC, elixido mellor profesor universitario de España

Alexandre Sotelino ten 35 anos, é pedagogo e forma futuros docentes en Compostela

Combina distintas metodoloxías innovadoras para espertar o interese do alumnado

G24.gal 22/11/2021 14:14

A aula pode estar na facultade, pero tamén na rúa, na intervención social ou mesmo, como nesta ocasión, no salón de plenos do Parlamento de Galicia.

Alexandre Sotelino leva o seu alumnado á vida real, á comunidade onde se integra e consegue, dese xeito, espertar a curiosidade e o interese dos futuros docentes.

Unha combinación de metodoloxías innovadoras que acaba de ser recoñecida polos propios estudantes, porque este pedagogo de 35 anos foi nomeado como mellor profesor universitario de España. 

Alexandre Sotelino di que "non fago nada que non fagan os demais, aprendo do que fan outros colegas", e engade que "segundo vaia ser cada sesión, combino diferentes métodos, como o xogo cooperativo, o rol-play, uso novas tecnoloxías ou mesmo clases maxistrais se son as axeitadas para esa clase".

Ademais, emprega de maneira transversal a chamada aprendizaxe-servizo, un proxecto que xa foi premiado nunha rede de innovación educativa. "Facemos proxectos coa comunidade, para que eles se integren na contorna onde prestan os seus servizos".

O método funciona, e así acaban de demostralo os seus alumnos. El é moi optimista respecto das novas xeracións de docentes pola súa implicación e ganas de aprender.

Por iso pide tamén maior recoñecemento social e compromiso co sistema educativo. "Debería haber un maior compromiso cunha escola pública de calidade que incorpore tamén novos perfís profesionais", di.

Novos perfís que, como Alexandre, teñan claro que a escola pode cambiar a vida dunha comunidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade