Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un subcomité de sete expertos: o retén de garda da pandemia en Galicia

Un subcomité de sete expertos: o retén de garda da pandemia en Galicia

Esta semana non haberá reunión do comité clínico

G24.gal 26/10/2021 17:22

Esta semana xa non haberá reunión do comité clínico. En total foron 18 meses de xuntanzas semanais que ían marcando o compás das restricións e das aperturas, segundo a situación de cada momento. Agora xa non son precisas estas reunións, pero hai membros do comité clínico en retén de garda. Os outros 28 membros do comité están dispostos por se fosen convocados en calquera momento.

Coas mellores incidencias, as mellores cifras de vacinación e os datos de mortalidade máis baixos de toda España, os membros do comité clínico fan un balance positivo do seu traballo durante estes últimos 18 meses. Destacan sobre todo a independencia coa que traballaron e tamén o respecto polas súas decisións técnicas.

"Todo o que diciamos no comité, ou polo menos a maior parte, pois tíñano en conta. E isto tamén é importante", explica un dos seus membros, o doutor Serxio Vázquez.

Estes meses vimos as súas caras de preocupación, asesorando o Goberno galego nas decisións técnicas que tomaron nos momentos máis duros da pandemia. Escoitamos os seus consellos en vivo e telematicamente, primeiro co conselleiro Almuíña, e nos últimos 14 meses con Comesaña á cabeza.

O comité clínico foi o instrumento convocado tanto pola presidencia da Xunta como pola Consellería de Sanidade, para discutir e levar o seguimento diario dos indicadores, establecer esa sistemática de vixilancia.

"Houbo momentos críticos. Xaneiro e febreiro foron momentos moi moi críticos e houbo momento de tensión por decisións que foron moi duras porque afectaban á vida familiar e social das persoas", explica a doutora Pilar Farjas, que é membro desde o inicio do Comité de Expertos.

Cada semana, desde hai máis dun ano, as recomendacións do comité, convertidas en decisións políticas pola Consellería de Sanidade, acaparaban a axenda informativa. Centos de miles de galegos estiveron pendentes desas conferencias de prensa en que se impoñían e levantaban restricións que nos afectaban a todos.

Son 35 profesionais da Sanidade galega, de diversos ámbitos, que se converteron no principal órgano consultivo da pandemia. Agora, con Galicia como un dos territorios con máis vacinas e menor incidencia de Europa, xa non cómpren as súas deliberacións semanais, pero un subcomité segue de garda para avaliar calquera eventualidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos