Un taxista solidario en Vigo troca a carreira por axuda a un neno saharauí
Un taxista solidario en Vigo troca a carreira por axuda a un neno saharauí
Silverio Costas empatizou cunha clienta que ten en acollida un neno saharauí e non lle cobrou para que gardase os cartos para o neno
Di que só é un caso mais dos moitos que fan os compañeiros do taxi
Máis dun cento de rapaces saharauís estarán en Galicia ata o 4 de setembro
Silverio é un taxista de Vigo que hai uns días demostrou o seu espírito solidario ante unha descoñecida. Silverio considera que o que fixo non é para tanto, e que é o que fan moitos compañeiros do gremio sen que ninguén o saiba.
Esta fin de semana foi de moito traballo para eles en Vigo e a contorna, multiplicándose para atender chamadas polo Marisquiño, os concertos de Castrelos e mesmo o Regaeton Beach. Foi nun servizo dende este festival en Nigrán cando levou unha moza de Sarria que ía cunha amiga e cedéronlle un oco a outro rapaz.
Conta como ían charlando e soubo que ten acollido un neno saharahuí na súa casa de Sarria. É Alien, que conquistou a María Xosé López, Sesé, e o taxista, que comenta coma ela dicía que a ten namorada, porque "é boíño, e só pensar que alá están agora a 50 graos, vivindo en tendas, sen auga, sen case recursos...".
Relata como deixaron o outro rapaz e continuaron para Vigo, díxolle que a carreira non a cobraba e que lle mercase o que quixera: "Material escolar ou algo para pintar, porque a infancia pasa unha vez e é unha mágoa que eses nenos non o podan desfrutar, porque despois xa non hai volta atrás".
Silverio resta importancia ao que fixo, e insiste no mérito de xente coma Sesé, que ten o neno saharahuí na súa casa: "Tampouco é para tanto, hai que recoñecer o labor deles. Deixan de lado outras cousas, marchar ao Caribe... e entréganse a eses rapaces. Iso é o realmente importante, o que están a facer eles". O mesmo Alien quixo dar as grazas a Silverio persoalmente.
Silverio e moitos outros fan a vida mellor para nenos coma Alien e o cento deles que estarán en Galicia ata o 4 de setembro. Xente solidaria como na clínica dental de José Franco de Monforte de Lemos que lles están a arranxar os dentes a este neno tan alegre.