Publicador de contidos
Publicador de contidos

O tremor que azoutou Marrocos deixa máis dun milleiro de vítimas mortais

O tremor que azoutou Marrocos deixa máis dun milleiro de vítimas mortais

Con epicentro a 60 quilómetros ao suroeste de Marrakech, rexistrouse a 8 quilómetros de profundidade

O ministerio de Asuntos Exteriores non ten constancia de vítimas de nacionalidade española

G24.gal 09/09/2023 08:24 Última actualización 09/09/2023 19:02

Polo menos 1.037 persoas morreron e outras 1.204 quedaron feridas, 721 de carácter grave, en diferentes localidades marroquís por mor do terremoto de magnitude 6,8 ocorrido na noite do venres con epicentro a 60 quilómetros ao suroeste da cidade de Marrakech.

Segundo informa o Ministerio do Interior marroquí nunha nota, ata as dúas da mañá, hora local, rexistráronse falecidos nas provincias e prefecturas de Al Haouz, Marrakech, Ouarzazate, Azilal, Chichaoua e Taroudant.

O Goberno chama a cidadanía a manter a calma mentres avalía os danos do tremor. Varios edificios da cidade antiga de Marrakech sufriron danos de consideración.

Segundo un boletín de alerta sísmica difundido polo Instituto Nacional de Xeofísica marroquí, o terremoto, de magnitude 6,8, sacudiu a rexión setentrional de Marrakech e rexistrouse ás 23:11 hora local a 8 quilómetros de profundidade.

Tivo o seu epicentro na localidade de Ighil, situada 63 quilómetros ao suroeste da cidade de Marrakech.  Hai despregados efectivos militares e de protección civil en todas as zonas afectadas polo sismo. O tremor sentiuse tamén no sur de España e de Portugal. 

Apoio de España

O Goberno español non ten constancia de que haxa vítimas de nacionalidade española, segundo confirmou o ministro de Asuntos Exteriores en Nova Delhi, onde participa no cume do G-20.

En declaracións á prensa, José Manuel Albares ofreceulles ás autoridades marroquís apoio para os labores de rescate e a posterior reconstrución. Nese país residen uns 18.000 españois.

Ademais, pídelle á cidadanía española que estea en Marrocos de paso que chame aos teléfonos de emerxencia consular do Ministerio de Asuntos Exteriores.

O consulado de Casablanca, que é o máis próximo á zona do terremoto, está aberto desde primeira hora e o seu cónsul adxunto desprazouse a Marrakech.

O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, expresou o apoio e a solidariedade de España con Marrocos tras a traxedia. Nunha mensaxe en X, garantiu que "España está coas vítimas desta traxedia e coas súas familias".

Teléfonos de emerxencia

A Embaixada de Marrocos en España informou dos teléfonos de emerxencia consular aos que pode chamar a cidadanía española. Son:

*+212660488848 e +212665807977 (Casabranca)

*+212660915647 (Rabat)

*+212661080470 (Agadir)

*+212666794559 (Larache)

*+212661202135 (Tánxer)

*+212661705430 (Tetuán)

*+212661764005 (Nador)

Ademais, a División de Emerxencia Consular habilitou o número de teléfono 910001249 para atender "todas aquelas persoas que requiran asistencia ou que se atopen en situación de necesidade" tras o terremoto, segundo informa en X o Ministerio de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade